Festival

E así, as ruínas daríannos o punto de identidade entre o vivir persoal -a persoal historia- e a historia. Persoa é a que sobreviviu á destrución de todo na súa vida e aínda deixa entrever que, da súa propia vida, un sentido superior aos feitos failles cobrar a significación e conformarse nunha imaxe, a afirmación dunha liberdade imperecedoira a través da imposición das circunstancias, no cárcere das situacións.

María Zambrano

Estas palabras de María Zambrano servirían para introducir perfectamente experiencias de dor, de exilio e emigración, como as das obras que presentan Mithkal Alzghair ou Mohamed El Khatib, pero tamén para resumir as voces, plenas pero feridas, de Mursego ou Maria Arnal. Servirían para definir a danza milagrosa de Israel Galván, protexido esta vez polo pensamento de Pedro G. Romero e Filiep Tacq, e para falar das vidas feridas do sur de Europa que nos traen Daria Deflorian e Antonio Tagliarini. Máis que nunca, este programa é unha paisaxe total, unha paisaxe que hai que entender con todo o corpo. Estas creacións cuestionan e reverten as leis e as regras do mundo no que vivimos, abren situacións, fan que os corpos se busquen, se pensen a si mesmos en común.

Nestas creacións atopamos a esencia da disidencia. Contra o boureo das palabras, das imaxes, e do espectacular, estas obras devólvennos aos xestos esenciais: a risa e o pranto, a conversación e o silencio, o dó e a festa, o amor e a amizade. Hai disidencia na forma de entender a morte de Mohamed El Khatib, hai disidencia nos corpos de Mithkal Alzghair que explican a historia da brutal guerra en Siria. Hai disidencia no só de Xavier Le Roy, porque nos ensina a pensar desde o corpo, con outra lóxica, con outras normas. Hai disidencia en Israel Galván, que se revelou contra a tradición e que agora baila nunha biblioteca, e hai disidencia en Edurne Rubio, que, como tantos creadores españois, traballa desde Bruxelas na historia de España a través dunha experiencia familiar única e abraiante. E hai berro, pranto, canto dun pobo enteiro, en Maria Arnal e en Mursego. Tamén hai disidencia e resistencia e subversión nos traballos de Deflorian e Tagliarini e de Miguel Pereira, outros artistas que xa colaboraron entre si no pasado, e que agora presentan as súas alegacións sobre a liberdade creativa, a capacidade de imaxinar e soñar, e os problemas dos artistas no sur de Europa.

Escenas do Cambio, despois de tres anos, empeza a ter a súa propia historia. Por iso, algúns artistas que xa estiveron presentes noutras edicións do festival, como Voadora, Tiago Rodrigues ou Israel Galván volven á deste ano. Darlles continuidade aos artistas é unha das premisas do festival. Por outra banda, seguimos interesados en descubrir para Galicia e para o resto do Estado, artistas internacionais consolidados que non tiveron moitas oportunidades de amosar o seu traballo no noso país. Seguimos traballando con artistas de Galicia como Estela Lloves ou Félix Fernández, creadores transdisciplinares que nos últimos anos mostraron o seu traballo máis no estranxeiro que en Galicia. Ao mesmo tempo, continuamos cun labor formativo cos obradoiros de IlMaquinario e Sofia Dias e Vitor Roriz e seguimos colaborando tamén con diversas institucións como o Concello de Santiago, o CDG, o CGAC e tamén coa librería Chan da Pólvora. Como diciamos, un festival coa súa historia, cos seus trazos, coa súa ruptura, con ese risco que se asume cando un quere chegar a outra parte.

Todos os programas de man dos festivais do mundo din o mesmo. Da Habana a Bruxelas, de Kinshasa a Quioto, todos repiten practicamente as mesmas palabras. Son emotivos, intelixentes, ocorrentes. Algunhas veces non levan firma, algunhas veces levan demasiadas firmas. Se os lemos con atención, en todos eles se pode ver o traballo que hai detrás, as limitacións e as virtudes, os acordos e os desacordos. Hai programas espectaculares e programas eslamiados. Ás veces moi optimistas, ás veces moi ensimesmados, ás veces demasiado explicativos ou crípticos. Ás veces buscando unha identidade que só chega co paso do tempo. Hai programas, poucos, que son literatura. Con todo, basta con estar xuntos un tempo antes de que sexa moi tarde. Mirar con amor e analizar sen piedade. Achegarnos ao inesperado e crernos o xogo un pouco máis. O programa xa foi escrito e non hai volta atrás. Neste intre estás a lelo. E por detrás das palabras deste programa están os xestos, os movementos, as disidencias. Os corpos empezan a espertar e as voces empezan a tomar forma, como quen non quere a cousa.


Pablo Fidalgo Lareo
Director artístico de Escenas do Cambio