Se pensamos na palabra Fogar, cada un de nós terá na súa cabeza un lugar diferente. Poida que algúns non pensemos nun espazo, e a outros nin sequera apeteceranos oír falar de ter un. Poida que na vertixe da vida contemporánea, este fogar vaia cambiando cada vez con máis rapidez, como cambian os nosos referentes, as nosas preferencias, os nosos costumes.

Este taller nace coa idea de crear un espazo no que conflúa o individual co colectivo, un lugar para iniciar procesos, para sementar futuros espectáculos, ou simplemente para establecer
un encontro con diferentes creadores que confronten perspectivas escénicas partindo dun mesmo concepto: a reflexión sobre o fogar, sobre o xermolo, sobre o que se supón que nos é propio.

Nun mundo tan cambiante como o actual, onde se pode atopar un fogar?, Por cantas casas pasamos nos últimos anos?, Por cantas pasaron os nosos pais a nosa idade?, Pode unha casa ser un fogar?, Ese concepto está máis dentro ou fóra de nós mesmos?, Pode unha sala de cinema ser un fogar? Unha sala de ensaios?,  Unha aplicación?,  Unha rede social?, Unha lembranza? Unha parella é un fogar?, Realmente un fogar é un lugar no que vivir sen medo?, Onde radica a nosa raigame?, Que estamos dispostos a facer para defender o noso fogar?, E a nosa felicidade?

Partindo do material biográfico de todos os participantes abordarase esa temática desde diversas perspectivas, tan variables como individuos convivan neste espazo de encontro.

 

Inscricións

Encontros dirixidos a persoas relacionadas coa creación escénica (intérpretes, músicos, performers, directores, dramaturgos…) e interesadas en experimentar no campo do teatro relacionado coa biografía persoal.

Para a inscrición é necesario enviar unha carta de motivación e un perfil profesional nun folio á dirección actividades@cidadedacultura.org
Inscrición: gratuíta, previa valoración de perfil e carta de motivación.
Prazas: 15 prazas.
Data límite de presentación de solicitudes: 12 de xaneiro de 2018. 15:00 h.
Confirmación de praza: 18 de xaneiro de 2018.