ENtradas esgotadas

“Unha canción como ‘Tú que vienes a rondarme’ xustifica todo un álbum. Tamén condiciona o resto dun disco que, aínda sen alcanzar a altura dese primeiro single, disputa a Rosalía as honras de converterse no debut nacional do que levamos de 2017. A canción en cuestión sácalle partido á cristalina voz de Maria Arnal, dun rexistro similar ao de Silvia Pérez Cruz, da que se beneficia un texto de resonancias folclóricas e referencias míticas. Os matices electrónicos, cortesía do californiano instalado en Barcelona Filastine, fan o resto. Pero en ‘45 cerebros y un corazón’ en realidade hai sitio para moito máis. Herdeiros da tradición mediterránea, e apostando polo castelán e o catalán, Maria e Marcel actualizan a cançó utilizando elementos do pop, tanto na elección dos instrumentos -guitarra eléctrica, sons de corte industrial, etc.- como na súa aposta pola heterodoxia”. (Luís J. Menéndez, El Diario).

Do mesmo xeito que a memoria, principal leitmotiv do seu aclamado álbum de debut, ‘45 cerebros y un corazón’ (Fina Estampa, 2017), a creación segundo Maria Arnal e Marcel Bagés é materia viva. E da mesma maneira que entenden a autoría como un paso máis no seu proxecto de continuación da cadea de transmisión da cultura popular, o seu directo é un continuo work in progress que trae a Escenas do Cambio a súa vertente máis experimental. Novos matices electrónicos que saen da privacidade do seu laboratorio sonoro por primeira vez e en tempo real.

 

Ficha artística

Voz: Maria Arnal.
Guitarra: Marcel Bagés.

Editado

Maio de 2017.