MUSEO CENTRO GAIÁS Cidade da Cultura de Galicia. Monte Gaiás s/n Principal escenario de Escenas do Cambio desde a súa primeira edición. A súa beleza e flexibilidade converten este edificio da Cidade da Cultura de Galicia no espazo perfecto para acoller exposicións de gran dimensión, eventos culturais e espectáculos de artes escénicas. Andar -1: Sala 1 e 2. Andar 0: Sala Seminario para o obradoiro e os espazos de encontro. BIBLIOTECA E ARQUIVO DE GALICIA Cidade da Cultura de Galicia. Monte Gaiás s/n Cabeceira do sistema de arquivos e bibliotecas galegas e do patrimonio documental da nosa comunidade, a Biblioteca e Arquivo de Galicia reúne, conserva e difunde todo o patrimonio bibliográfico e documental da comunidade e facilita o seu acceso, xa sexa de forma presencial ou virtual. Peza clave para as actividades culturais relacionadas co libro, a lectura e as bibliotecas, a difusión da cultura galega é un dos grandes obxectivos desta institución. Israel Galván bailará nas súas instalacións neste Escenas do Cambio 2018. TEATRO PRINCIPAL Rúa Nova, 21 Con capacidade para 434 espectadores, o Teatro Principal atópase na mesma zona monumental compostelá e ofrece unha variada programación xestionada directamente polo Concello de Santiago, que é o seu propietario. O edificio foi construído en 1842 a partir do deseño do arquitecto Manuel de Prado y Vallo. Mais no ano 1988 levouse a cabo unha importante reforma dirixida polos arquitectos Rafael Baltar, José A. Bartolomé, Carlos Almuiña e Gerardo Salvador. SALÓN TEATRO Rúa Nova, 34 Situado na zona histórica de Santiago de Compostela, o Salón Teatro foi inaugurado de novo en 1999 tras unha intervención arquitectónica que permitiu recuperar para a escena este espazo do ano 1920, despois de dúas décadas sen representacións. Xestionado na actualidade pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Agadic, o teatro acolle a exhibición en Compostela de todas as producións do Centro Dramático Galego —que ten aquí a súa sede—, ademais dunha programación aberta ás distintas disciplinas escénicas, á música e ao cinema. A súa capacidade é de 272 butacas. CENTRO GALEGO DE ARTE CONTEMPORÁNEA Rúa Valle Inclán, 2 Proxectado polo arquitecto portugués Álvaro Siza Vieira entre 1988 e 1993, o CGAC está situado nunha das zonas monumentais máis sensibles e suxestivas de Santiago de Compostela, nos límites do centro histórico, moi preto do convento e a igrexa de San Domingos de Bonaval. O edificio, que se caracteriza polo diálogo coa historia da cidade, reflicte a admiración do seu artífice polos racionalismos e o movemento moderno. O auditorio do CGAC acollerá o concerto de Musergo en Escenas do Cambio 2018. Sala Agustín Magán - Centro Sociocultural de Santa Marta Rúa Antonio Rama Seoane, 6 Santiago de Compostela O Centro Sociocultural de Santa Marta é un equipamento municipal de proximidade pertencente á Rede Municipal de Centros Socioculturais de Santiago de Compostela. Un Centro de barrio proxectado a toda a cidade, para os veciños e veciñas de Santa Marta e para todos aqueles que queiran formar parte dunha programación sociocultural extensa e variada; sendo ao mesmo tempo un referente de cidade no terreo das artes escénicas, da creación de públicos e da pedagoxía teatral. Sitúase moi próximo ao núcleo antigo de Santa Marta, barrio en crecemento, e está localizado nunha área na que se atopa a actual gardería, o antigo centro social e os espazos públicos e verdes do barrio. O centro conta na primeira planta a recepción, a zona administrativa e a Sala Agustín Magán. E na segunda planta, a Biblioteca "José Saramago", salas de uso polivalente, sala de reunións e unha terraza.