Festival

Escenas do Cambio 2016
TEATRO, DANZA Y ARTE EN ACCIÓN


Públicos sEn disciplina

Construír un programa é construír un relato cos relatos dos demais. Un relato é poñer xuntas cousas que nunca antes estiveran xuntas. Construír un programa é xuntar palabras por primeira vez. Escribir cos corpos dos demais. Escenas do Cambio 2016 é un relato de encontros, viaxes, xestos políticos, contradiccións, fraxilidades, puotos sobre a mesa para os demais. Se falásemos de arte relacional diríase que é un festival de experiencias. Non serve con ollar, non serve con agardar. Desde a primeira edición do festival quixemos un público activo, transformador, que inventa, que imaxina, que se namora, que loita e se contradí connosco. Un público firme. Un público que sabe e non sabe o que quere. Un público que fai preguntas, que busca o encontro.

Queremos un público activo, transformador, que inventa, que imaxina, que se namora, que loita e se contradí connosco. Un público firme. Un público que sabe e non sabe o que quere. Un público que fai preguntas, que busca o encontro.

Varios camiños axúdannos a estruturar este festival, este novo relato. O primeiro é o traballo con comunidades en Santiago de Compostela, con énfase no pedagóxico e na vinculación coa cidade. Contamos este ano con tres producións propias da Cidade da Cultura: Uxía Vaello e Borja Fernández presentarán a súa versión de Insultos al público de Peter Handke (que comeza un ciclo de postas en escena de textos míticos do teatro universal), Voadora fará a súa versión de Don Juan con persoas maiores e Idoia Zabaleta convidaranos a un paseo-lectura de Os Eidos desde Santiago ata a Cidade da Cultura (esta peza site-specific, enmarcada dentro do seu ciclo de libros bailados, é o inicio de traballos específicos sobre obras míticas da poesía mundial). Ademais, dentro da presenza internacional, Rimini Protokoll ocupará coa súa peza Europa en casa diferentes casas de Santiago. O segundo camiño é continuar investigando a memoria recente, a exploración da escena como lugar de inscrición da nosa historia con Joana Craveiro, Lagartijas tiradas al sol, Faustin Linyekula ou Jérôme Bel. O terceiro é o apoio á creación nova galega, con tres producións propias e varias coproducións como as de Nuria Sotelo, Janet Novás ou Patricia Caballero. E o cuarto é a programación dedicada a África e aos corpos indisciplinados -outras formas de moverse- con Bouchra Ouizguen, Radouan Mriziga, Marlene Monteiro (Caboverdiana residente en Portugal), Faustin Linyekula, Marcela Levi (Brasil) e Cecilia Bengolea e François Chaignaud.

Escenas do Cambio debe ser, antes que nada, un lugar de acollida, de encontro, de experiencias, de diálogo e de crítica.

Ao mesmo tempo seguimos coa vontade de converternos nun espazo de formación e de acollida de novos relatos e novas formas de facer que poidan enriquecer e reforzar o tecido artístico galego. Poñemos en marcha de novo esta edición un programa de conferencias e obradoiros (Chantal Mouffe, Oliver Laxe, Stefan Kaegi, Luisa Pardo e Lagartijas tiradas al sol e Isabel de Naverán). Tambén iniciamos este ano un programa de publicacións que documentarán cada edición do festival.
En definitiva, quince compañías ou artistas de dez países distintos, creacións específicas para a Cidade da Cultura, aposta pola nova creación galega e tres coproducións. Escenas do Cambio debe ser, antes que nada, un lugar de acollida, de encontro, de experiencias, de diálogo e de crítica. Construímos unha casa con todos estes relatos. Esa é a base dun festival que fixo da relación co estranxeiro e co local un único proxecto, e que atopa nesa idea de hospitalidade a súa razón de ser. Un festival que se enfrenta á tarefa de seguir construindo a súa identidade con humildade, con libertade e sen medo. Este é o noso relato. Sabemos que non podemos seguir vivindo sen historia. Sabemos que outros pensaron o mesmo ca nós. Un público que faga historia, que queira coñecer e escribir a súa propia historia. Un público crítico e esixente. Definitivamente, un plan común que faga que todos mudemos os nosos plans.

Pablo Fidalgo Lareo
Director artístico do Escenas do Cambio

Escenas2015_pr