Formación

CONTAR PARA OLVIDAR
Grupo de lectura e acompañamento do Festival


Escenas do Cambio convida a profesionais da interpretación, bailaríns, performers, estudantes, coreógrafos… a participar no Grupo de lectura e acompañamento ao festival Contar para olvidar, no que repensar os procesos creativos da man da investigadora e teórica en artes escénicas Isabel de Naverán e a coreógrafa Idoia Zabaleta. Dividido en dúas partes, os participantes asistirán a un grupo de lectura, máis teórico, e un grupo de acompañamento ao festival, onde se reflexionará, dialogará e escribirá ao redor das obras programadas en Escenas do Cambio.

Grupo de lectura coordinado por Isabel de Naverán

Do 28 ao 30 de xaneiro de 2016
De 11:00 a 14:00 horas.
Aula Didáctica do Museo Centro Gaiás

Grupo de acompañamento ao festival coordinado por Idoia Zabaleta

Do 1 ao 5 de febreiro de 2016
De  11:00 a 14:00 horas
Aula Didáctica do Museo Centro Gaiás

“Non o estou a contar para recordalo. Ao contrario, estou a facelo así para estar seguro de que esquecín”, di Rabih Mroué. E o que fai para esquecer é contar, contar unha e outra vez ata que a estrutura narrativa do conto se desvela, deixando ao desnudo unha posible verdade: a do mecanismo do relato.

Podemos preguntarnos se detrás do “volver a contar” a Historia da danza non se atopa un desexo semellante, o de amosar como foi contada, quen o fixo e baixo que circunstancias. Neste grupo de lectura percorreremos tres aspectos detectados en coreografías reconstruídas nos últimos anos: o primeiro ten que ver coa controversia de toda reconstrución, é dicir, coa imposibilidade de recuperación da historia tal e como foi; o segundo co arquivo en relación ao corpo, co documento en relación á verdade e por extensión co papel do biográfico na historia colectiva; e o terceiro, suma dos dous anteriores, trata de entender os efectos físicos dunha vivencia singular que ten lugar cando se habita a técnica creada por un corpo distinto ao que baila.

Compartiremos textos de André Lepecki, Rebecca Schneider, Rabih Mroué, Olga de Soto, Victoria Pérez Royo, Janez Jansa ou Pedro G. Romero. Veremos imaxes e debatiremos sobre elas, leremos en alto, escribiremos e traballaremos en pequenos grupos.

Isabel de Naverán

É investigadora e teórica en artes escénicas. É membro de Bulegoa Zenbaki Barik, unha oficina de arte e coñecemento localizada en Bilbao, e forma parte do grupo de investigación ARTEA, de Madrid. Dedícase principalmente á escritura de ensaio crítico e á creación de contexto no que se deu en chamar a coreografía espandida. É Doutora en Belas Artes pola Universidade do País Vasco; forma parte do equipo do Máster en Práctica Escénica e Cultura Visual (MNCARS, UCLM, Madrid). Forma parte do consello editorial de Cairon. Revista de estudios de danza, e é editora do libro Hacer Historia. Reflexiones desde la práctica de la danza (2010) e co-editora de Lecturas sobre danza y coreografía (2013) e de Cuerpo y cinematografía (2008).
www.arte-a.org
www.bulegoa.org

Idoia Zabaleta

Coreógrafa. Na Facultade de Bioloxía especializouse en ecosistemas e dinámica de poboacións. Estuda nova danza e improvisación en Barcelona, Florencia, Amsterdam e Nova York. Traballa coa compañía Mal Pelo entre 1995 e 1999. Desde o ano 2000 coproduce e crea o seu propio traballo, colaborando con outros artistas e investigadores como Isabel de Naverán, Filipa Francisco, Antonio Tagliarini, Claudia Dias, Sofia Asencio entre outros.  O seu traballo  puido verse en festivais e encontros de ámbito internacional. Imparte clases en diversos masters e cursos de posgrao. Forma parte do equipo do Máster en Práctica Escénica e Cultura Visual (MNCARS, UCLM, Madrid). Desde 2008, constrúe e goberna xunto con Juan González, o espazo de creación e residencias artísticas AZALA, situado no mesmo pobo onde vive.
www.azala.es

Información práctica

Do 28 de xaneiro ao 5 de febreiro de 2016.
De 11 a 14 horas.
Aula didáctica do Museo Centro Gaiás.
Dirixido a: estudantes de Belas Artes, Historia da Arte, Ciencias da Comunicación, Artes Visuais, Teatro, artistas, actores, bailaríns, creadores, coreógrafos, performers…

PROCESO DE INSCRICIÓN:

Do 11 ao 18 de xaneiro.
15 prazas.
De balde previa demanda de praza no mail actividades@cidadedacultura.org.
Requisitos: Currículum Vitae (máximo: un folio) e carta de motivación.
(Con dereito a asistir a todas as funcións de Escenas do Cambio de balde, comidas incluídas).

SELECCIÓN:
O día 21 de xaneiro darase a coñecer a lista de seleccionados. A Cidade da Cultura porase en contacto con eles de forma persoal.
Selecciona: Isabel de Naverán, Idoia Zabaleta, Pablo Fidalgo Lareo e María Pereira Otero.