Veracruz, nos estamos deforestando o cómo extrañar Xalapa é unha conferencia, unha charla, unha intervención, un desafogo. É ollar de preto o problema acalado dun estado da República Mexicana que leva case doce anos gobernado por unha alianza entre os narcos e os políticos e, dende a terceira década do século XX, non tivo outro partido no poder có PRI. Veracruz contén nos seus territorios a ruta que comezou Cortés para conquistar México. Veracruz é o estado onde Luisa Pardo medrou. Veracruz é unha delgada franxa de terra con costa e montañas e moita pobreza e violencia e asasinatos e desaparicións e silencio. A intervención de Luisa Pardo intentará conter moitas outras voces, imaxes e imaxinarios que nacen doutras persoas. Persoas que ao igual ca ela, estrañan a súa terra como unha terra fértil para a arte, para o pensamento crítico, para a expresión, para o amor, para vivir.
Luisa Pardo.
Actriz, directora, produtora, chalana e activista. Fundadora e co-directora do colectivo escénico Lagartijas Tiradas al Sol. Con este colectivo, de 2003 ata hoxe, co-creou once proxectos escénicos. Como actriz e/ou asistente de dirección en teatro fóra de Lagartijas traballou con Hugo Arrevillaga, Juliana Faesler, David Hevia, Ana Francis Mor e Miguel Ángel Rivera. Como actriz de cine traballou con Yulene Olaizola, Nicolás Pereda, María Novaro, Paul Leduc, Rubén Imaz, Marise Systach e Alejandro Gerber, entre outros.
Luisa Pardo dános unha visión de primeira man dun lugar onde estado e corrupción son a mesma cousa, onde o abandono institucional produciu unha violencia incontrolable que precisa, para empezar, ter visibilidade e ser posta en palabras.