Afectos, política agonística e prácticas artísticas

charla – Chantal Mouffe | Bélxica –

30 XANEIRO - 16.30h – Aula Museo


A politóloga Chantal Mouffe tratará de amosar a importancia da mobilización dos afectos comúns para a concepción agonística da política e de examinar o papel que desempeñan nese campo as prácticas artísticas e culturais.

Chantal Mouffe

Chantal Mouffe (Charleroi, Bélxica, 1943)

Atópase entre os filósofos postestruturalistas e politólogos contemporáneos de maior renome.

Realizou os seus estudos en varias Universidades (Université Catholique de Louvain, Université de Paris e University of Essex) e actualmente ensina teoría política na Universidade de Westminster. Xunto a Ernesto Laclau participou activamente nas loitas sociais dos 60 e ambos son considerados os pais do postmarxismo, corrente filosófica na que se retoman e repensan os postulados marxistas á luz das contribucións do postestruturalismo e dos movementos sociais suscitados durante a segunda metade do século XX.

Mouffe e Laclau redefinen a “hexemonía marxista” en pos dun novo proxecto socialista: a democracia radical. Hexemonía e estratexia socialista: cara a unha radicalización da democracia –libro de 1987 no que se plasma esta reconceptualización – é unha obra clásica do pensamento posmarxista. Dentro das preocupacións teóricas de Mouffe, cobran marcada relevancia as temáticas que xiran en torno ao político –tales como o liberalismo político e a defensa da democracia –, e os antagonismos como clave da existencia mesma da sociedade e do social en tanto político. Tamén realizou contribucións ao feminismo e á crítica ao racionalismo.