Ler e bailar. Os Eidos

Idoia Zabaleta | Euskadi –

7 FEBREIRO - 16.00H – Subida ata o museo Centro Gaiás desde a aba do monte Gaiás


Como seguir bailando hoxe en día? Pois lendo… Como seguir lendo hoxe en día? Pois bailando…Con esta proposta convidamos a/o espectador/a a asistir a unha lectura bailada en voz alta da obra Os Eidos, escrita por Uxío Novoneyra en 1955, coa cidade de Santiago de Compostela como fondo e o Monte Gaiás como testemuña. Un fluxo continuo, un non poder parar. Como os cantos rodados dun regato, ler e bailar, case ao unísono. Ler e bailar. (Idoia Zabaleta)

Os Eidos será o resultado do obradoiro a realizar os días previos á acción, no que a coreógrafa Idoia Zabaleta explorará coas persoas participantes os seus intereses arredor de bailar e ler, partindo da obra Os Eidos de Uxío Novoneyra. “Neste obradoiro pretendo compartir cos participantes un exercicio de revisión dos ‘modos de bailar’ que practiquei ata o momento. No estudo desta posta en dúbida conseguín diseccionar algúns elementos como pracer, exhibición, destreza, proeza; outros como escrita, historia, memoria, e outros como grupo, coro, coreografía. Un exercicio que ultimamente me permitiu afrontar algunhas das dificultades coas que me atopo á hora de seguir bailando é o de ler-bailando e/ou bailar-lendo. Esta reversibilidade dos verbos, ler-bailar/bailar-ler tenme liberado dalgunhas dificultades e, á súa vez, permitiume exercitar de golpe varios dos elementos anteriormente citados”.

idoia

Idoia Zabaleta

Coreógrafa. Na Facultade de Bioloxía especializouse en ecosistemas e dinámica de poboacións. Estuda nova danza e improvisación en Barcelona, Florencia, Ámsterdam e Nova York. Dende o ano 2000 coproduce e crea o seu propio traballo, colaborando con outros artistas e investigadores como Isabel de Naverán, Filipa Francisco ou Antonio Tagliarini. Dende 2008 constrúe e goberna xunto a Juan González o espazo de creación e residencias artísticas AZALA.

Ficha artística:

Idea: Idoia Zabaleta | Lectura da obra: Os Eidos, de Uxío Novoneyra | Intérpretes: os bailaríns/lectores que realicen o obradoiro Ler e bailar. Os Eidos, que terá lugar os días previos da peza.

Estrea

Estrea mundial no festival Escenas do Cambio’16, Santiago de Compostela.