Sobre performers descontextualizados e audiencias por control remoto

charla – Stefan Kaegi | Alemaña –

29 XANEIRO - 16.30H – Aula Museo


Como poñer en escena o ready-made e trasplantar expertos sobre un escenario, así como dentro desa zona gris entre realidade e ficción, utilizando material documental e intervencións teatrais? Stefan Kaegi amosaranos e comentará vídeos breves sobre as producións recentes do colectivo alemán Rimini Protokoll, con perforadores petróliferos kazakos, 50 espectadores baixo control remoto, 100 berlineses elixidos estadísticamente, así como operadores indios de call-centers e traficantes de armas internacionais.

Stefan Kaegi fará un percorrido pola traxectoria deste colectivo, crucial para entender o futuro da arte escénica, participativa e colaborativa. Esa arte que nos amosa que a nosa democracia debería estar sempre a ser reinventada, as regras a ser escritas, os corpos en movemento, porque ese é o significado de estar vivo e de facer política, polis, cidade.

stefan kaegi

Stefan Kaegi

Produce pezas de teatro documentais, programas de radio e traballa no ámbito urbano nunha gran variedade de asociacións colaborativas. Usando a investigación, audicións públicas e os procesos conceptuais, dá voz a “expertos” que non son actores adestrados, pero que teñen algo que dicir. En 2010 Kaegi foi galardoado co Premio Europeo á Diversidade Cultural.