Le Cargo

Faustin Linyekula | O Congo – 55 min.

7 FEBREIRO - 18.30H – Sala 2


entradas

Nun solo cru e íntimo, Faustin Linyekula mira a súa historia persoal á luz da historia rica e tumultuosa do seu Congo natal. Nun diálogo entre a música poderosa de Flamme Kapaya e a súa propia narrativa, Faustin Linyekula investiga a súa relación coa danza, a linguaxe física a través da cal conta, dende hai unha década, as historias do seu país, e procura no seu corpo vestixios desa historia brutal. “Unha persoa ten que crer teimuda –a pesar das convulsións da historia, das guerras, das revolucións, dos réximes– na celebración da beleza. Para esperar que a mera arte poida facer fronte á enorme fealdade da vida. Para se atrever a soñar que o pensamento independente, o libre arbitrio e a iniciativa persoal poidan afastar esa morea de ruínas que herdamos”, asegura Linyekula.

Le cargo

Faustin Linyekula

Le Cargo é un manifesto dunha das voces máis elocuentes e francas da África contemporánea: Faustin Linyekula (República Democrática do Congo, 1974). As súas obras estrutúranse a través das liñas da danza ndombolo e preséntase como o legado de décadas de guerra, terror, medo e colapso da economía vivido na súa pel, na da súa familia e nas dos seus amigos. Linyekula desenvolve un labor como creador, pedagogo e axitador cultural que o converte nun dos mestres da escena contemporánea africana. Durante todo o 2016, Faustin Linyekula é Artista na cidade en Lisboa (despois de Tim Etchells e Anne Teresa de Keersmaeker), e alí se presentará a maior parte das súas pezas, colaboracións e novos traballos creados especificamente para esta celebración dun dos creadores máis recoñecidos de África.

FICHA ARTÍSTICA

Autor, director e actor: Faustin Linyekula | Coreografía e representación: Faustin Linyekula | Música: Flamme Kapaya, Obilo drummers | Produción: Studios Kabako / Virginie Dupray | Coprodución: Centre national de la danse | Co apoio de: DRAC Île-de-France / Ministerio francés de Cultura e Comunicación.

Estrea

7 de abril de 2011 no Centre national de la danse en Pantin (Francia)

Estrea en España no festival Escenas do Cambio’16, Santiago de Compostela.