¿De qué otra cosa podríamos hablar?

Areta Bolado, Carolina Fernández, Diana Mera e Tito Asorey | Galicia –

4 e 5 FEBREIRO - 16:30h – Aula Museo


Polo xeral, os procesos de creación lévanse a cabo en solitario, sendo a estrea a primeira vez na que o proxecto se expón aos ollos dos outros.

Partimos de que expoñer os procesos axuda de maneira moi clara a enriquecer as creacións, e como artistas, permítenos darnos conta do que estamos facendo a partir de como se recibe.

¿De qué otra cosa podríamos hablar?

Esta conferencia será o resultado dun traballo previo de catro artistas galegos (Areta Bolado, Carolina Fernández, Diana Mera e Tito Asorey) coa compañía Lagartijas Tiradas al Sol, no que cada participante se verá inmerso nunha serie de exercicios, que teñen como obxectivo o desenvolvemento das ideas que forman parte de cada proxecto.

O obxectivo é o de acompañar os participantes no desenvolvemento dos seus proxectos persoais, buscando procesar e afondar nas ideas, formas e temas de cada proxecto.

Areta Bolado. Actriz, creadora e dramaturga da compañía A Panadería. Licenciada en Interpretación Textual, Diplomada en Maxisterio e titulada especialista en dobraxe formouse en clown, commedia dell’arte, viewpoints e técnica de composición, canto, técnica do xesto e máscara. Recibiu o Premio María Casares 2015 a mellor Actriz Secundaria por PAN!PAN!

Carolina Fernández é unha creadora escénica multidisciplinar, actriz e performer. O seu traballo é unha exposición en vivo onde videocreacións, poesía, teatro, movemento e performance combínanse en busca dunha linguaxe propia.

Diana Mera. Actriz e directora escénica. Realizou estudos de Grao en Arte Dramática, Dirección escénica e dramaturxia na ESAD de Vigo. Comezou a súa andadura profesional coa compañía ‘Arelas das Artes’ e no 2015 puxo en marcha, xunto a outros titulados en diversas especialidades da ESAD, Aporía Escénica, compañía emerxente, que explora a linguaxe artística por medio da hibridación.

Tito Asorey. Comeza no teatro da man de Ánxeles Cuña e no 2000 intégrase no elenco de Sarabela Teatro ata o 2010, conseguindo un María Casares polo seu papel en A esmorga. Á faceta de actor engádese á da dirección de varios colectivos teatrais, dando o paso á dirección profesional da man da compañía Teatro do Adro. No 2013 comeza a traballar como Axudante de Dirección na Compañía Nacional de Teatro Clásico.