Cara Pintada

Janet Novás | Galicia – 45 min.

11 FEBREIRO - 18.30h – Sala 2


entradas

Cara pintada fala da esencia, do real e verdadeiro que constrúe o ser humano. Unha obsesión por manter o meu corpo en vida, vibrando, buscando constantemente os opostos para non quedar nun equilibrio absurdo que me anula, que se prolonga no tempo sen ofrecerme nada a cambio.

Cara pintada

A escena desta obra preséntase como unha exposición de marcos baleiros, sen ningún contido, co obxectivo de dar renda solta ao noso imaxinario. O corpo preséntase neste marco como un obxecto máis, como un recipiente que se vai enchendo, cargando e transformando ata que perde a súa forma e se disolve no seu contido. O espazo, a música, as voces, os obxectos, as luces e sombras forman este xogo imaxinario incrustándose e prolongándose no corpo, traducindo deste modo as historias ou emocións que xorden nel, caendo nun estado absurdo, ridículo e surrealista que non se sostén en ningún elemento narrativo. É a crenza que deposito nas miñas accións o que fai que todo cobre sentido, sen xulgar, sen esperar por un resultado final.
Cara pintada quere convidar o espectador a introducirse na intimidade das súas formas, na intensidade dos seus xestos e no segredo que estes ocultan. “O meu corpo como un pequeno país, como un obxecto para representar pequenas historias que se converten nunha. Bocas abertas, sedentas, afogadas no seu propio choro, na súa propia gargallada, sons enxordecedores e invisibles. Só hai un obxectivo, sentir algo, non importa o que” (Janet Novás).

FICHA ARTÍSTICA

Dirección e Interpretación: Janet Novás | Axudante de Dirección: Ricardo Santana | Música orixinal: Haru Mori | Outras músicas: Oldham & Roberts Molina | Vestiario: Juana Rodríguez |
Deseño de Iluminación: Pedro Fresneda e Antón Ferreiro | Técnico de iluminación: Paloma Parra | Fotografía: Piti Prieto e Juan Adrio | Vídeo promocional e enteiro: Tía Mardalina | Colabora: Provisional Danza e Centro Cultural García Lorca(Bruxelas)

Estrea

4 de xuño de 2010 no Teatro Ensalle, Vigo, Pontevedra.