Saír por dentro, dentro do todo, de min. E parar o mundo, o meu. Algo xa respira por min. Coa alegría nos pulmóns e as portas abertas das miñas terras íntimas, móvome, móvome, movo, móvome… E así sigo viva. Así ando argallando para seguir aquí, aquí, aquí, saudando a todo o que se aveciña. Grazas por lembrarme cos teus, onde teñen que estar os meus ollos. Grazas á gravidade por lembrarme sempre onde teñen que estar os meus pés. Así fala Patricia Caballero sobre a súa última creación.
Patricia Caballero
A presenza de Patricia marcou unha diferenza, unha enerxía non recoñecible no panorama das artes escénicas españolas. Cun discurso elaborado pero que afonda as súas raíces na arte da súa terra, no flamenco, e traballa coa verdade vital e a actitude. Con Aquí gloria y después paz, unha das pezas de referencia dos últimos anos, participou no ciclo sobre Loie Fuller en La Casa Encendida e nos últimos anos traballou e dirixiu a Israel Galván. Formada entre España, Portugal e México, creadora de dispositivos únicos, as pezas de Patricia definen o risco, sempre abertas á presenza dos outros, sempre dispostas a que todo pase, a que todo mude.
Barrunto é a primeira produción feita en colaboración entre Escenas do cambio e o Festival BAD de Bilbao, que pretende potenciar artistas novos, radicalmente libres, que apostan pola investigación e o risco por riba da idea de espectáculo. A fraxilidade de pezas como Barrunto é unha potencia inmensa, un espazo que se abre, a intimidade dunha nai nova que se amosa sen nada que perder, con todo por vivir.
Ficha artística
Creación e interpretación: Patricia Caballero | Acompañamento artístico: Balbina Parra e Lipi Hernández | Iluminación: Rubén Camacho | Coprodución: Festival BAD e Escenas do Cambio | Apoio: Espacio Vacío, Colectivo Arriero, La Bicha Merana, La Fragua, Hogar de San Fernando, A Negro Producciones e Teatro Central | Agradecementos: Dania Laura Frías, Cristina Caballero, Adrián Frias, Judith Mata, Israel Galván, Niño de Elche, Nono García, Jorge Gallardo, Rocío Guzmán, Daniel Benegassi, Fran e Diego Martinez, Charo Martín, Isabel López, Teresa Andino e Germana Giannini.
Coprodución de Escenas do Cambio e o Festival BAD Bilbao.
Estrea
31 de outubro 2015, BAD (Bilbao Antzerkia Dantza), Bilbao.