Escenas do Cambio olla cara a África e Brasil na súa 2ª semana


‘Escenas do Cambio. Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción’ encara a súa segunda semana no Gaiás centrado en África e Brasil, con creadores que propoñen novas linguaxes. Faustin Linyekula, Bouchra Ouizguen, Radouan Mriziga ou Lucía Russo e Marcela Levi ofrecerán desde hoxe e ata o domingo propostas que aúnan arte en acción, danza contemporánea e memoria. Ademais, ‘Escenas do Cambio’ contará cunha nova estrea galega: ‘Insulto ao público’ o clásico de Peter Handke que Uxía Vaello e Borja Fernández poñen en mans de adolescentes.

O programa arranca hoxe con ‘Um Museu Vivo de Memórias Pequenas e Esquecidas’, unha obra de catro horas de duración e con cea incluída na que Joana Craveiro fai un repaso polos anos da dictadura portuguesa e a posterior Revolución, compoñendo un relato histórico a través das pequenas historias da xente do común.

Esta segunda semana de ‘Escenas do Cambio’ ofrece tamén o traballo que Gabino Rodríguez, da compañía Lagartijas tiradas al sol, realizou con catro actores galegos: Areta Bolado, Carolina Fernández, Diana Mera e Tito Asorey. Baixo o título ‘¿De qué otra cosa podríamos hablar?, os catro ofrecerán este xoves e venres unha conferencia-performántica na que sacar ese proxecto que levaban dentro.

A presenza galega será total este xoves, 4 de febreiro, xa que o Museo Centro Gaiás acollerá a estrea de ‘Ensaio amor’, da bailarina Nuria Sotelo; e ‘Insulto ao público’, de Uxía Fernández e Uxía Vaello. O clásico de Handke, que cumpre 50 anos, é depositado nas mans de rapaces de entre 14 e 18 anos, xa iniciados no teatro, para que se apropien del da maneira que queiran.

Novas linguaxes de África e Brasil
A danza máis contemporánea terá o seu oco este venres, con ‘Barrunto’ de Patricia Caballero; e ‘Mordedores’ de Marcela Levi, reflexión sobre o erotismo e a violencia, na que bailaríns brasileiros danzan mordéndose.

A presenza de África virá da man de Radouan Mriziga e a súa primeira creación: ‘55’, ‘Le Cargo’ de Faustin Liyenkula, na que mira a súa historia persoal á luz da historia rica e tumultuosa do seu Congo Natal; e a marroquí Bouchran Ouizguen que, no seu Ottof, cinco mulleres exploran sobre o escenario coas súas palabras e o seus corpos a cotidianidade que ten que ver cos seus dereitos.´

A segunda semana de ‘Escenas do Cambio’ péchase o domingo coa peza ‘Ler e Bailar. Os Eidos’, na que Idoia Zabaleta e un grupo de bailaríns voluntarios subirán as sendas do Bosque de Galicia coreografiando pasaxes da obra de Uxío Novoneyra.

As entradas para Escenas do Cambio están xa a venda e poden adquirirse no Museo Centro Gaiás, nos puntos físicos de Ataquilla ou na páxina web www.ataquilla.com (+gastos de xestión). Toda a información sobre o festival e as entradas poden atoparse en www.cidadedacultura.galnova venta ou www.escenasdocambio.org