Buscamos voluntarios maiores de 65 anos para poñer en escena o Don Juan de Voadora


A Cidade da Cultura convida a maiores de 65 anos que o desexen a participar no Don Juan da compañía Voadora, unha das grandes propostas galegas que se estrearán para toda España na próxima edición do festival ‘Escenas do Cambio’ que terá lugar a finais de xaneiro no Museo Centro Gaiás en Santiago de Compostela.

Don Juan. Voadora.

Voadora, unha das compañías galegas que está a obter maior recoñecemento da crítica en Galicia, no resto de España e en Portugal, presentará o seu Don Juan o 29 de xaneiro. Para protagonizar esta montaxe, a compañía de Marta Pazos, Hugo Torres e José Díaz busca estes días a persoas maiores de 65 años, que non precisan ter experiencia escénica, e que se atrevan a traballar nesta emotiva aventura, un proxecto que avanza na liña de traballo en comunidade e onde Voadora rompe de novos os códigos habituais do teatro.

Despois do éxito de súa versión contemporánea de A Tempestade de Shakespeare, Voadora toma como punto de inspiración para esta peza o Don Juan de Molière, personaxe símbolo do hedonismo e da paixón por vivir. A partir desta figura, preséntase unha obra en torno ao tempo e ao amor, que busca cuestionar os tópicos que rodean a Terceira Idade, presentándoa como un tempo improdutivo para o retiro.

Voadora, Premio da Crítica en Galicia no eido das Artes Escénicas no 2013, constrúe sobre un relato verdadeiro, emotivo e fermoso no que se compromete co principio de que “nunca é tarde e nunca é cedo: sempre é o momento oportuno”. “Vivimos no occidente, un lugar onde se valora o novo, o rápido, a xuventude e a beleza. É deste xeito como se vive o amor no occidente, como se fósemos un restaurante de fast-food. Tal vez sexa hora de gozar dunha dose de slow food”, asegura a compañía no texto de presentación deste espectáculo.

Os interesados poden enviar un correo electrónico ao enderezo produccion3@cidadedacultura.org ou telefonear ao 653.278.678, onde recibirán toda a información necesaria.