Atréveste a abrir o teu piso a Europa?


A Cidade da Cultura aposta por levar o teatro contemporáneo a casas particulares a través da performance Europa na Casa da premiada compañía alemá Rimini Protokoll, unha das propostas estrela que se presentará na próxima edición de Escenas do Cambio, que comeza o 28 de xaneiro no Gaiás.

Co proxecto Europa na CasaRimini Protokoll, Rimini Protokoll avanza na súa idea do teatro-realidade e desta volta converte en escenario os salóns de domicilios particulares, nunha peza que vén representando por diferentes capitais europeas e na que se busca traducir a idea abstracta de Europa a escala individual, reflexionando sobre os efectos e consecuencias que este espazo político ten na vida de cada quen.

Para facelo, Rimini Protokoll está a seleccionar once casas particulares en Santiago, domicilios onde se levarán a cabo as funcións previstas no programa. Quince persoas se sentarán ao redor dun mesa sobre a que se despregará un mapa de Europa. Unha máquina formulará preguntas e retos que mudarán a relación dos asistentes con Europa. Todo acontecerá mentres un pastel se prepara no forno.

Os interesados en converterse en anfitrións ofrecendo a súa casa poderán facelo enviando un correo a europanacasa@cidadedacultura.org. Os que prefiran vivir esta experiencia como público poden mercar xa as entradas en www.escenasdocambio.org e o mesmo día da función recibirán un whatsapp e un mail no que se lles informará do punto exacto no que deben presentarse para participar. O aforo máximo por sesión é de 15 persoas.

Rimini Protokoll, liderada por Helgard Haug, Stefan Kaegi e Daniel Wetzel, leva traballando como un equipo dende o ano 2000. No foco do seu traballo está o desenvolvemento continuo das ferramentas do teatro para permitir perspectivas non usuais da nosa realidade. Europa na casa presenta unha serie de cuestións básicas sobre a participación, a autoría, a ocupación do espazo privado, e tamén sobre a hospitalidade e acollida como xesto humano fronte á barbarie. Unha lección de vida para estes tempos de migracións.