Volve ao Gaiás o festival ‘Escenas do cambio’, do 28 de xaneiro ao 13 de febreiro de 2016


A Cidade da Cultura de Galicia presentou esta mañá a segunda edición de Escenas do Cambio. Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción que se celebrará do 28 de xaneiro ao 13 de febreiro e que traerá 18 compañías de 10 países, cunha presenza destacada de novos creadores galegos e unha ollada a África e América Latina.

Seguindo un dos eixes desta edición, o traballo coa comunidade; o festival presentouse nunha vivenda familiar de Santiago, nunha chiscadela ao que será un dos proxectos estrela do programa: Europa en casa da compañía alemá Rimini Protokoll, que levará representacións a 11 casas de Santiago. A presentación contou co director artístico do festival, Pablo Fidalgo Lareo, acompañado pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, e a directora de Acción Cultural, María Pereira Otero.

Apoio á creación e redes internacionais
María Pereira anunciou que Escenas do Cambio busca converterse nunha plataforma para dar a coñecer as artes escénicas galegas e establecer redes de colaboración con outros festivais de Europa. Así, avanzou que este ano achegaranse a Santiago programadores de oito países e fixo fincapé nas colaboracións co Festival Alkantara de Lisboa, o espazo de creación Azala ou o Festival BAD de Bilbao.

Co obxectivo de que Escenas do Cambio sexa algo máis que un espazo para a exhibición, anunciou tamén que o programa inclúe tres coproducións da Cidade da Cultura e outros tres montaxes producidos especificamente para este festival. María Pereira agradeceu o apoio dos patrocinadores, lembrando que o cento por cento do custo do festival será sufragado coas aportacións das empresas que formaban parte da Fundación privada Gaiás.

Estreas
En relación coas novidades, Pablo Fidalgo chamou a atención sobre o feito de que todas as pezas internacionais, agás Cedric Andrieux de Jêrome Bel, serán estreas en España e haberá unha estrea mundial: Tijuana (La democracia en México 1965-2015) de Lagartijas tiradas al sol, unha das compañías máis relevantes da escena mexicana.

Fidalgo avanzou que, entre as tres producións site specific , estará a de Uxía Vaello e Borja Fernández con Insultos ao público de Peter Handke, un dos grandes dramaturgos europeos, reiteradamente proposto ao Nobel. Nesta peza, da que se cumpren 50 anos, traballarase cun grupo de adolescentes, avanzando na liña de traballo coa comunidade.

Outra das producións específicas será o paseo-lectura de Idoia Zabaleta de Os Eidos de Uxío Novoneyra, que convidará a subir desde Santiago ao Gaiás bailando e recitando versos do poeta do Courel. O terceiro traballo site specific será o de Voadora, que estreará en España o seu Don Juan, un traballo no que se subirá ao escenario maiores sen experiencia.

Protagonismo da danza e de África
O festival contará con tres coproducións: Ensaio amor da galega Nuria Sotelo; Barrunto de Patricia Caballero e Si pudiera hablar de esto no haría esto da bailarina galega Janet Novás. Fidalgo chamou a atención sobre Novás, bailarina que traballa para os mellores coreógrafos en España, sempre vinculada á Galicia e que terá un especial protagonismo no festival de 2016.

Outro dos grandes nomes no ámbito da danza será Rocío Molina, unha das bailaoras que está a levar a cabo o flamenco máis experimental. A presenza de África virá da man de Bouchran Ouizguen, Radouan Mriziga, Faustin Liyenkula, Marlene Monteiro Freitas, Cecilia Bengolea o François Chaignaud. Fidalgo adiantou a peza Mordedores de Marcela Levi, reflexión sobre o erotismo e a violencia, na que bailaríns brasileiros danzan mordéndose.

A escena internacional complétase con traballos ligados á memoria, como o da Joana Craveiro sobre a historia de Portugal, obra de longa duración na que se servirá a cea ao público. O coreógrafo e bailarín de Israel Arkadi Zaides presentará Archive, unha reflexión sobre os dereitos humanos no conflito entre Israel e Palestina.

O festival ofrecerá espazos para a reflexión, o debate e a formación, con figuras como a politóloga belga Chantal Mouffe, unha das pensadoras que mellor están a analizar os cambios sociais que están a acontecer en Europa. Xunta a ela, Oliver Laxe, Isabel de Naverán, Stefan Kaegi ou Luisa Pardo completarán as conferencias-obradoiro.

Escenas do Cambio iniciará en 2016 a súa andaina internacional na Feira do Libro de Bos Aires, que o próximo ano se dedicará á cidade de Santiago de Compostela e que, na súa programación cultural, contará con catro espectáculo deste festival.

As entradas para Escenas do Cambio están xa a venda e poden adquirirse no Museo Centro Gaiás, nos puntos físicos de Ataquilla ou na páxina web www.ataquilla.com. Toda a información sobre o festival e as entradas pode atoparse en en www.cidadedacultura.gal ou www.escenasdocambio.org.